O catorce de setembro de 2011 cumpliuse medio século dende que a Escola Rosalía Castro abriu as súas portas por vez primeira nun baixo da céntrica rúa Pizarro, eran eses uns tempos difíciles, eran eses tempos de moitas máis sombras que luces. Longa noite de pedra. Nese outono de 1961 iniciou na nosa cidade a súa andaina un proxecto educativo radicalmente diferente ao que se ofrecía no sombrío panorama pedagóxico.

Da man dunha muller valente, con poucos medios pero moita ilusión e tenacidade, foise abrindo paso de vagar pero coa ollada posta no futuro, un modo de entender a educación que nada tiña que ver co establecido. Agromou así un latexo creativo, aberto e participativo. Non sería tampouco xusto lembrar que xunto con Antía Cal Vázquez, a fundadora do Rosalía, camiñaron por un complexo pero ao tempo retador vieiro unhas tamén arriscadas familias que buscaron para os seus fillos unha escola sen complexos, laica, aberta, plural e onde se respirase con liberdade.

O Rosalía naceu nunha cidade que demandaba moito máis do que daquela se lle ofrecía, neses primeiros anos sesenta existen en Vigo varios focos de irradiación política, cultural e social que devecen por embarcarse na Europa democrática. Este será dende o primeiro intre e nas décadas seguintes un centro educativo diferente, e niso seguimos cincuenta anos despois.

Estivo e está no noso sentir o traballo cotián para formar cidadáns libres e de espírito crítico; nenos e nenas que un día sexan homes e mulleres que, armados de coñecemento e cargados de sensatez e responsabilidade sexan quen de colaborar en construír un mundo mellor e máis xusto.

Despois de tantos anos, son milleiros os rapaces e rapazas que pasaron pola nosas aulas, que xogaron nos nosos patios e que disfrutaron aprendendo para a vida; hoxe o noso centro é coñecido, e recoñecido, como unha Escola de referencia.

É este centro unha escola de características moi especiais, tanto no plano pedagóxico como no seu formato legal, somos dende o ano 1976 unha ‘Asociación sen ánimo de lucro’, os pais e as nais dos nosos alumnos son propietarios a partes aliquotas. A solidariedade colectiva entre as familias que conforman a comunidade educativa é o celme do seu funcionamento, un reinvestimento contínuo na procura da mellora asistencial aos nenos está no noso quefacer diario.