50 anos da Escola Rosalía de Castro (1961-2011)

Na mañá do catorce de setembro de 1961 trinta e oito nenos e nenas traspasaron o limiar da Escola Rosalía de Castro, alí agardaban por eles Antía Cal e outros dous profesores máis. Foi o primeiro día do primeiro curso, a ese seguiron outros cincuenta primeiros días e outros cincuenta cursos. Polas súas aulas pasaron milleiros de nenos e nenas, ducias de profesores e centos de familias que fixeron, fan e farán posible unha das tarefas máis gratificantes: guiar e preparar a un neno para a vida.

Os edificios

Un crecemento constante fixo que ó longo da súa historia a Escola modificara a súa ubicación ata en tres ocasións, dende Pizarro ata Bembrive, pasando pola Gran Vía. O actual é un edificio tan singular como a propia Escola, luminoso, alegre e conectado co exterior. Estades convidados.

As letras galegas

Dende o primeiro momento e nun contexto adverso, o respecto e a querencia para coa lingua galega traduciuse na súa presenza natural e cotían, cando este era un tema tabú. Celebrar esta efemérede na Escola ao tempo que se fixo de maneira oficial dende 1963, deixa ben claro cal é a postura do Rosalía dende o primeiro momento.

Profesores e nenos

Moito máis, moito máis porque non só existe a relación docente. No Rosalía esa relación vai máis alá. Confianza profunda, cariño e respecto recíproco. En galego o verbo “aprender” engade o dobre significado: dar e recibir coñecementos ou experiencias. E así é como o facemos na Escola Rosalía, profesores e cativos aprendemos xuntos, uns dos outros.

Familias

Nada desta Escola tería sido posible sen a confianza que os pais e nais depositaron nos primeiros pasos desta longa andaina. Aquí vai o recoñecemento ás primeiras familias que apostaron por unha maneira diferente de facer as cousas. Onte, hoxe e mañá. Cada día deixades aos vosos fillos nas nosas mans, coa tranquilidade de saber que a vosa é unha excelente escolla.