No Rosalía ,dende os comezos da súa andaina, estase na procura dunha  educación que desenvolva todas as capacidades de cada individuo, aquilo que lle permita ser consciente, libre e responsable dos seus actos

Vemos o día a día entendendo a pedagoxía activa non como un método, senón como unha orientación que ha estar presente en toda a vida escolar, dende os tres ata os derradeiros anos. A atención á realidade e o contacto directo con ela son elementos esenciais, tanto no desenvolvemento e adecuación da liña pedagóxica coma no enfoque da aprendizaxe. Consideramos que a actividade -intelectual, afectiva, social, moral ou física… – é a condición necesaria e fundamental para que os nosos alumnos e alumnas se formen e cheguen a ser verdadeiramente  autónomos e libres.

Contemplamos unha educación integral como o  obxectivo prioritario dunha escola que intenta renovar constantemente a educación. Propoñémonos atender todas as dimensións da persoa concreta: físicas, racionais, emocionais, sociais, intelectuais, académicas, culturais … Tratáse, non simplemente de formar ao alumno, senón de axudar ao desenvolvemento daquel neno/aquela nena/adolescente concreto. Isto require coñecelo individualmente no marco da súa etapa evolutiva, a través da observación atenta e minuciosa de cada un: ilusións, intereses, expectativas, capacidades, comportamentos, reaccións e actitudes ante o traballo, comunicación e colaboración co mestre, cos compañeiros, no ámbito familiar. De aí a suma importancia que se outorga á constante relación coas familias e á visión das titorías e do departamento de Orientación  dende a óptica da escola.

Búscase unha escola e un ensino que sirvan para a vida, para dominar o propio corpo, para pensar e descubrir novas realidades, para sentir e entusiasmarse, para coñecer e actuar nas relacións sociais, para ter criterios sobre a realidade social para adquirir conciencia das nosas crenzas. E por suposto pretendemos que todas estas dimensións se desenvolvan de xeito integrado, como a mesma vida, de modo que todo isto forme persoas conscentes do momento que lles toucou vivir.

O desenvolvemento do espírito crítico forma parte da adquisición da liberdade e a responsabilidade. Tratáse de coñecer para valorar, para cuestionar, para ir construíndo así unha forma persoal de afrontar a realidade. Por isto é importante orientar a aprendizaxe, guiar e destacar o que resulta importante e conceder espazo dentro do horario escolar daquelas áreas tradicionalmente  menos atendidas ou incluso relegadas, como a educación física, a plástica, ou a música. A creatividade inherente ao ser humano, potenciada para construir coñecemento presente e futuro.

«A realidade vivida dá sentido ás palabras, ás frases, aos conceptos, aos sentimentos básicos, como o esforzo, a contemplación e ás actividades e operacións necesarias para avanzar no coñecemento. É un estadio inicial -indispensable por outra parte-, da relación teórico-práctica, outro dos elementos básicos da orientación educativa do colectivo da renovación»

O contacto directo co medio físico natural e social, despréndese directamente da intención de coñecer a realidade circundante. Necesitamos ter un coñecemento de primeira man sobre o que hai que saber ou estudar. No marco escolar, as saídas pedagóxicas dos mestres cos alumnos, programadas segundo etapas e contidos, para coñecer o barrio ou o pobo, descubrir o territorio, ver directamente procesos de produción, traballar nos museos, entrar en contacto co medio, social ou industrial, … supoñen unha preparación previa e un traballo posterior de confrontación, ampliación, valoración do conxunto; en definitiva, representan un tempo especialmente propicio para a relación teoría- práctica.

As saídas escolares de varios días de duración, ofrecen a posibilidade de traballar sobre moitos obxectivos relevantes para a formación de nenos/ás e adolescentes, e para os mestres é unha ocasión de afinar no coñecemento de cada neno/a, e de descubrir aspectos e posibilidades.

Dende o punto de vista da formación integral da persoa, estimamos indispensable axudar a percibir, a ser consciente, a valorar a propia identidade e a sentirse formando parte dun colectivo con determinados trazos culturais.

A realidade social e política é outra vertente da realidade que propuñemos como punto de partida. Coñecer, estar ao corrente, ter criterio sobre o que acontece a noso arredor, adquire especial importancia nunha época cambiante. Dentro do horario escolar e baixo diferentes nomes segundo as escolas -actualidade, noticias, comentario do cotián… – adicámos un espazo de tempo á información do mundo extraescolar. Este tipo de actividade, áxil e adaptable á situación tanto exterior como da etapa educativa, está encamiñada a reflexionar sobre un tema máis amplo que a vida académica, a elaborar criterios, a participar nunha discusión, a confrontar opcións e a ter puntos de vista propios. Aprender a enriquecernos cos demais.

As decisións que se toman no conxunto da comunidade educativa deben ser froito dun diálogo aberto e sincero entre mestres e pais.

Consideramos que o neno é o obxectivo esencial: necesario un traballo de conxunto para a observación constante, para a atención ao crecemento axeitado de cada neno/a e adolescente e para crear un clima propicio, coherente e educativo. Constatamos cánto beneficia aos alumnos o intercambio de puntos de vista e de opinións dos educadores.

Somos os docentes quen debemos adecuarnos a cada alumno, ao seu nivel e ritmo, ás súas actitudes, en definitiva ao modo como nos chega. Temos claro que cada neno é un caso diferente. Ninguén poder quedar atrás, o grupo parte unido e chega unido.

En canto á educación da sociabilidade, dende o primeiro momento resulta evidente a importancia e o peso específico do grupo dos nenos/nenas que forman unha clase. A relación que se dá entre eles, polo feito de convivir e traballar xuntos ao longo de todo o curso, ten unha notable influencia na formación de cada neno e adolescente.

O ambiente de apertura e sinceridade que se vive no centro favorece a participación e o intercambio, de maneira que é natural a tendencia a crear vínculos e a establecer certa interdependencia entre todos eles.

Educación da liberdade. No fondo é o que caracteriza o tipo de educación que nós propoñemos: determina o carácter da relación alumno-mestre e o ambiente xeral da escola. Concibimos a liberdade non como punto de partida senón como punto de chegada, como o cume dun proceso que se desenvolve cada día e en cada situación.

Hai que coñecer a cada alumno/a e encontrar o trato adecuado para conseguir autoestima e desexo de superación persoal; é dicir, o estímulo e o equilibrio entre a comprensión e a esixencia.

Propoñemonos que os nenos e adolescentes, no marco dun espazo que a escola define en función da etapa evolutiva, se adestren no exercicio dunha liberdade responsable.

Entre todos os mestres temos que chegar a un acordo para que cada educador poida conseguir a disciplina necesaria segundo a materia e segundo a etapa evolutiva do grupo. No fondo, isto require establecer unha escala de valores para ver en cada situación o que é prioritario. Na escola non hai normas contundentes de castigo, pero en cambio, segundo eses acordos, os alumnos han percibir por parte de todos os educadores reaccións equivalentes que os axudasen a adquirir referentes.

A claridade, a constancia e a coherencia nas normas, como criterios básicos na actuación dos profesores e que contribúan á orientación e á estruturación da conduta dos alumnos. Estes adoitan valorar positivamente a posibilidade de desenvolverse con autonomía: en xeral, a naturalidade no trato entre alumnos e educadores, o ambiente de confianza e afabilidade que se vive, fai que os alumnos asistan á escola con gusto, condición básica para unha actitude positiva respecto do propio desenvolvemento e respecto da relación cos demais, e que para os adultos revirte en satisfacción profesional e é fonte de nova motivación.

O xogo, en canto a vertente especial da expresión e como medio privilexiado de educación (espontaneidade, representación simbólica, autoestima, coñecemento das propias posibilidades, sociabilidade, aceptación de normas…), nas formas axeitadas a cada etapa evolutiva, dende o parvulario ata o deporte nos adolescentes, ocupa un lugar importante no proxecto da escola, xa fose como xogo libre, xa a partir de propostas que favorecesen a iniciativa, a imaxinación, a axilidade, o enxeño, o humor, aquel cúmulo de habilidades que só aparecen cando se xoga.

Vemos ao parvulario -3 a 6 anos- como unha etapa con entidade propia, e non simplemente como previa (preescolar) ao que sería propiamente educativo.

En canto a factores de renovación, non podemos deixar de mencionar a importancia da biblioteca escolar, tanto na formación dos alumnos coma en preparación dos mestres. Tampouco podemos esquecer as diferentes formas en que a psicoloxía intervén na escola: coñecemento de alumnos, orientación de mestres e pais, elaboración de escalas para lograr obxectividade nas valoracións.

Unha Escola que ha de querer unha educación baseada na actividade do neno, facendo que el descubra o que estea ao seu alcance, máis que darlle os resultados xa logrados. Aprendizaxe por descubrimento.

É o Rosalía unha escola onde a acción educativa se dirixe a toda a vida dos escolares, un lugar aberto ao medio e facilitador do equilibrio psíquico onde se favorece a cooeducación. Promóvese a metodoloxía inductiva e a aprendizaxe mediante a vía das experiencias vividas,  á busca da información nas orixes.

Unha educación fundamentada sobre a actividades dos nenos, co coidado do respecto aos seus momentos e ritmos evolutivos e que favorece tanto o desenvolvemento da individualización como da socialización.

Aquí trabállase prestando atención á preparación para a vida e abríndose ao exterior, promocionando o exercicio da liberdade e da autonomía, do espírito de iniciativa.

Unha escola que transmite o respecto por un mesmo e o respecto polos demais, unha escola de todos e para todos. No Rosalia acredítase no potencial pedagóxico da expresión libre, da creatividade persoal e no concepto do traballo cooperativo, daquela fuximos dos modelos estereotipados.