Tita é nomeada Presidenta de Honra da Fundación

8 de xullo de 2014.- O padroado da Fundación Escola Rosalía acorda por unanimidade nomear a Antía Cal, «Tita», Presidenta de Honra.

Modernidade e innovación educativa

En 1961, cos seus aforros dos anos “cubanos”, Tita fundou a Escola Rosalía de Castro en Vigo. Co apoio do seu home, Antón Beiras, e de seus pais, conseguiu crear en Galicia un foco de irradiación progresista no eido da educación. Así chegaron as novas tendencias pedagóxicas a Vigo, baixo a inspiración do colectivo catalán Rosa Sensat, que encabezaba naquel entón Marta Mata.

O Rosalía seguiu modelos educativos innovadores, bebeu doutras fontes, incorporou indicacións de profesores de Xenebra e París. Antía lía e estudaba contido recomendado por unha boa amiga súa, membro da UNESCO. Superando as dificultades da etapa franquista, Tita consigue crear unha nova escola participativa, aberta, mixta, plural, acolledora. Un novo modelo educativo que á súa vez representou unha gran loita: contra a desigualdade, contra a intolerancia, contra a ignorancia.

Pioneira en lingua inglesa

A escola foi pioneira en ofrecer, dun xeito regulado e pedagóxico, a lingua inglesa. Dorothy Coombe era a responsable na materia de inglés, quen tamén deixou unha pegada digna de mención nestas liñas. Entre os compañeiros daquel entón, lembramos tamén a Mister Mann, un home moi importante á hora de achegar ideas para a escola de lingua inglesa.

Recoñecemento

Hoxe Tita segue a ser un referente para todos os que como alumnos, pais, nais ou mestres pasaron polas aulas ou tiveron contacto coa Escola Rosalía de Vigo. O seu nomeamento como Presidenta de Honra da Fundación Escola Rosalía é un recoñecemento ó seu labor. E por suposto, unha nova mostra colectiva de agarimo.